Regulamento do local

REGULAMENTO DE USOS DO NOSO LOCAL

  1. Nome. Baixo a denominación A Galleira, Espazo Aberto Nacionalista desígnase o local social da Asociación Cultural A Galleira, de Ourense. Non embargantes, a Asociación manterá o enderezo social oficial que fora designado na Asemblea Constituínte.

  2. Obxecto. Coma tal, terán lugar no citado local social as xuntanzas e traballos correspondentes ao funcionamento da Asociación e á realización dalgunhas das súas actividades. Do mesmo xeito, o material propio tamén se gardará no citado local.

  3. Acceso. Terán acceso ao local todas as persoas que sexan socias da Asociación Cultural A Galleira, nos horarios de apertura que se estipulen por parte da Xunta Directiva da Asociación.

  4. Persoas convidadas. Cada socio/a da Asociación Cultural A Galleira poderá convidar ao Lar de maneira ocasional –nunca de forma permanente– a outra persoa, da que responderá en canto ao cumprimento das normas do local social.

  5. Acceso ao público. Naqueles actos de carácter público que organice a Asociación Cultural terá acceso calquera persoa, sexa ou non socio/a. Se así se establece, nalgúns actos requerirase convite expreso da Asociación ou o pagamento dunha entrada para persoas non socias. En todo caso, a Xunta Directiva da Asociación resérvase o dereito de admisión en caso de que se observe algunha conduta contraria ás normas establecidas para o uso do local.

  6. Acceso a animais. Está permitido o acceso de animais ao local social sempre que se manteñan atados. No caso de que algunha persoa acuda acompañada dun animal terá que facerse cargo do seu coidado em todo momento.

  7. Uso para outras entidades. Permitirase o uso do local a aqueles colectivos cos que a Asociación Cultural ten relación directa, entendendo por tales aqueles cos que ten realizadas actividades conxuntas. No caso de que algunha outra entidade –sexa do carácter que for– solicite o uso do local para algunha actividade será competencia da Xunta Directiva decidir sobre a cesión do espazo e as condicións de acceso.

  8. Normas de convivencia. As persoas que accedan ao local deben amosar unha actitude e formas respectuosas coa Asociación e coas demais persoas que se atopen no local. Non está permitido fumar nin ter comportamentos que resulten molestos ou irrespectuosos coas demais persoas ou co normal desenvolvemento das actividades que alí teñan lugar.

  9. Idioma. Consecuentemente cos principios da Asociación Cultural, o local social é un espazo cultural monolingüe en galego. Polo tanto, toda a actividade que se desenvolva no mesmo debe promover o monolingüismo social expresándose unicamente en galego en calquera uso –escrito ou oral–. Asimesmo, o local de A Galleira é un espazo de normalización da comunidade lingüística e cultural coa lusofonía, recoñecendo a opción reintegracionista. Deste xeito, as comunicacións oficiais do local e da Asociación serán feitas en calquera das normativas do galego; respectando en todo caso a orixinalidade de obras literarias. Os libros e publicacións que se garden no local poderán ser redactados en calquera das normativas do galego. No caso de publicacións estranxeiras, a Xunta Directiva da Asociación decidirá sobre a súa admisión.

  10. Simboloxía. Non está permitida a exhibición de simboloxía española no local social.

  11. Ornato. Non se permitirá colocar cartaces nin láminas directamente coladas sobre a parede. Estas deberán ser enmarcadas previamente, respectando os criterios de decoración e ornato do local. Salvo nos casos nos que a Xunta Diretiva considere o contrario.

  12. Taboleiros informativos. Haberá dous taboleiros no local social: un adicado á comunicación interna da Asociación Cultural, no que se colocarán convocatorias e avisos relativos á realización de actividades ou ao funcionamento interno; e outro no que se permitirá a outros colectivos colocar cartaces ou avisos de actividades e convocatorias; sempre e cando se trate de actos que non sexan contraditorios cos principios da Asociación e estean redactados en calquera das normativas do idioma galego. Vixiarase especialmente a actualización deses taboleiros, retirando os cartaces cando pase a data das convocatorias. A decisión sobre que cartelería pode ser colocada nos taboleiros corresponderá à Xunta Diretiva.

  13. Horarios. O local social abrirá para os/as socios/as unha hora antes de cada actividade e pechará unha hora despois da finalización da mesma; non excedendo en ningún caso das 00:00 hs. Fóra desas ocasións, será a Xunta Directiva da Asociación quen determine en que datas e horarios abre o local e quen se responsabiliza de atendelo.

  14. Limpeza. Todas as persoas ou entidades que fagan uso do local responsabilizaranse da súa limpeza, de tal xeito que cando se realice unha actividade no mesmo deberán deixar todo ordeado e recollido. Estableceranse quendas de limpeza mensuais.

  15. Comisión do local social. A Xunta Directiva da Asociación nomeará unha Comisión Delegada que se encargará da xestión, mantemento e funcionamento do local social. Esta comisión estará conformada por un número de socios/as non superior a 6, das cales cando menos un 30% deben ser membros da Xunta Directiva. Coordenará o seu funcionamento o membro da comisión cun cargo de responsabilidade maior na Xunta Directiva. A Comisión do local social terá que dar conta mensualmente á Xunta Directiva do traballo realizado e da situación do local no punto da orde do día da correspondente xuntanza do organismo. A propia comisión establecerá a periodicidade das súas xuntanzas, que serán abertas a todos/as os/as socios/as.

  16. Funcións da Comisión do local social. A devandita comisión terá encomendada a apertura e peche do local nas datas e horarios establecidos. Asimesmo, encargarase de dotarse dos medios necesarios para o acondicionamento, deseño e limpeza do local; sempre baixo a supervisión da Xunta Directiva. O coordenador da Comisión terá, canda o Presidente da Asociación, a custodia das chaves do local, que cederá aos demais membros da Comisión ou da Xunta Directiva en caso de que sexa necesario.

  17. Publicidade das normas. As normas de uso do local social exporanse nun lugar visíbel na entrada do local social da Galleira.